Ir al contenido principal

TEMA 11: A avaliación na aula de linguas estranxeiras

Benvidos de novo! Hoxe quero compartir convosco o aprendido na unidade 11 da materia Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Nela, os obxectivos primordiais consistiron en comprender mellor o funcionamento e as metas da avaliación inicial, formativa e final, así como saber identificar de maneira satisfactoria unha rúbrica e poder poñela en práctica aplicándoa ao noso exercicio previo de mediación lingüística, para que nos servise de exemplo. Comezamos a introdución neste tema cunha breve reflexión sobre o que é a avaliación e a súa relación con procesos como as calificacións, as temáticas, o ritmo, o material de repaso, cambios metodolóxicos ou de materiais...ademais, moitos compañeiros suxeriron que a avaliación pode ser unha ferramenta moi útil para ter unha idea aproximada do nivel que tén un grupo ao principio do curso, para saber se a metodoloxía que se está a aplicar na aula é a máis axeitada, para obter información sobre aqueles aspectos do temario que resultan problemáticos ou precisan de repaso, etc. Desta forma, segundo a finalidade que teña a avaliación, fomos observando, coa axuda da docente, que existen tres tipos fundamentais de avaliación. En primeiro lugar, a avaliación inicial, da que falabamos anteriormente, moi utilizada nas avaliacións diagnósticas para coñecer o nivel dun grupo de alumnose concretar os obxectivos que se terán que conseguir a curto e longo prazo. En canto á avaliación formativa, podemos dicir que esta é a máis complexa e fundamental. Resulta imprescindible porque é necesaria para poder coñecer os puntos fortes e débiles do alumnado, e así adaptar a metodoloxía e estratexias docentes para mellorar naqueles aspectos que necesitan repaso, e tamén para poder facelo de xeito personalizado, xa que cada alumno presenta un desenvolvemento na materia moi diferente. Sen dúbida, facer un seguimento paso a paso da evolución da súa aprendizaxe resulta clave para a mellora dos alumnos, e existen maneiras moi diversas de facer este seguimento. Por un lado, o seguimento establecido entre alumno e profesor ten resultados moi positivos cando se establece mediante feedback periódico, no que o docente vai destacando en cada actividade e proxecto os puntos fortes e os que necesitan máis traballo. Non obstante, este feedback non pode darse de calquera xeito, xa que, como vimos na sesión, segundo un estudio os mellores resultados obtéñense cando ese feedback se basa nun informe detallado formado por comentarios sobre a consecución da actividade, e non nunha mera calificación numérica ou nunha combinación de calificación e comentarios. No caso da calificación, o método non funcionaría porque o alumno só se quedaría con ese número sen fixarse no que fixo ben e mal; no caso da combinación de ámbalas dúas técnicas, ao haber unha calificación dispoñible, a atención do alumno dirixiríase case prácticamente a esta, ignorando case por completo o informe cos comentarios detallados. Polo tanto, resulta crucial conseguir que os estudantes centren a súa atención e teñan ben claro aquelas áreas que necesitan mellorar. Por outro lado, con respecto á avaliación entre alumno e alumno, tamén vimos varios vídeos sobre unha metodoloxía de avaliación entre compañeiros na aula, que na actualidade se utiliza en centros dos Estados Unidos. Estamos a falar do assessment of learning, unha técnica que me pareceu moi interesante, principalmente pola posibilidade que abre aos estudantes para reforzar simultaneamente a capacidade de trabllar sendo avaliados por un compañeiro, por un lado; e a capacidade de manter o foco de atención sobre o compañeiro avaliado e levar a cabo unha especie de mediación na que intervir explicándolle o que necesita mellorar, pero tamén o que está a facer correctamente. Ademais, ao ser avaliado por un compañeiro, o alumno sentirase máis cómodo e terá menos temor a cometer algún erro, algo que, en moitas ocasións, dificulta a fluidez na aprendizaxe, sobre todo cando se trata da aprendizaxe dunha lingua. Estes son só algúns exemplos do que se podería facer para levar a cabo unha avaliación formativa, polo que vemos que abre un amplo horizonte de posibilidades á hora de apoiar aos estudantes paso a paso no seu proceso de aprendizaxe.
Ademais destes exemplos, tamén fixemos unha breve comparación da avaliación formativa coa sumativa, na que o docente xa califica ou certifica o grao de consecución da aprendizaxe que se levou a cabo ao final de cadaunidade, trimestre ou curso. Por último, pasamos á elaboración de rúbricas. Como nos explicou a docente, este sistema é, en moitas ocasións, confundido con táboas de avaliación como as escalas que se utilizan, po exemplo, nos resultados dos exames de Cambridge. É moi importante ter en conta que nas rúbricas non se pode facer ningunha xeralización nin xuízo de valor, porque o seu obxectivo primordial é marcar de xeito moi ben especificado o desempeño do traballo dun alumno para que saiba o por que dos seus resultados e teña ben claro que é o que debe mellorar. Por iso, os calificadores que usemos nas rúbricas sempre deben estar moi ben especificados, porque deben aclarar, non xerar máis dúbidas no estudante. Así, unha vez tivemos claro o funcionamento destas e as súas partes, pasamos a elaborar por parellas unha rúbrica de avaliación do noso exercicio de mediación lingüística, no que a docente nos foi corrixindo paso a paso para conseguir que os calificadores fosen claros e non introducísemos elementos demaisado xerais ou subxectivos, como por exemplo "exprésase ben". Esta actividade pareceume moi práctica e enriquecedora, xa que ata o momento sempre confundira as rúbricas con escalas e considero que ese tipo de avaliacións teñen que estar pensadas para que o alumno saiba exactamente que fixo ben e mal e que poida saber exactamente o que necesita reforzo. En conclusión, esta unidade resultoume de moita axuda para reforzar a importancia da avaliación formativa e de como facer que o seguimento que faremos dos nosos alumnos sexa o máis eficiente posible, así como para ter unha idea concreta de como elaborar unha boa rúbrica da que os estudantes poidan partir para ter unha idea concreta do seu grao de consecución da aprendizaxe.

Comentarios

  1. Moi boas, Andrea! Parabéns pola túa entrada de blog, xa que fuches quen de resumir todos os aspectos máis importantes que tratamos nesta unidade de xeito brillante. Quedou todo moi claro e moi ben organizado. Estou moi dacordo coa túa reflexión na parte referida ó 'assessment of learning', ou tamén coñecido coma 'peer assessment'. Creo que é un método moi positivo de coavaliación na aula, xa que o feito de ser avaliado por un compañeiro quita presión ó alumno en cuestión. Gustoume tamén o feito de que falaras sobre a confusión (que estou seguro de que moitos de nós tivemos antes de traballar neste tema 11) entre rúbrica e táboas de avaliación ou baremos. Eu tamén fixen fincapé no meu blog nesta cuestión. Como ben aprendimos tí e máis eu no traballo que fixemos en parellas, hai que tentar non xeneralizar tanto, e sermos máis específicos á hora de redactar os descriptores. A verdade é que fiquei moi contento con ter traballado contigo, xa que traballamos dun xeito moi eficiente e obtivemos un moi bo resultado final.
    De novo, noraboa pola entrada, e unha aperta!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario