Ir al contenido principal

Tema 3: Estratexias de comunicación

Ola a todos! Quero adicar esta entrada á exposición da teoría e posta en práctica da unidade 3 da materia Didáctica da ensinanza de linguas estranxeiras. Neste tema, sobre as diferentes estratexias de comunicación oral e escrita e os procedementos para fomentar as habilidades de comunicación na aprendizaxe de linguas estranxeiras, a docente foinos adentrando gradualmente nas diferentes destrezas. Poderíamos dividir este bloque en 3 destrezas fundamentais a coñecer: as actividades de mediación oral e escrita, de comprensión oral e escrita e de expresión e interacción oral e escrita. A través da exposición teórica das mesmas e a súa posta en práctica a través de exercicios de deseño de actividades para as distintas destrezas, pouco a pouco fomos adquirindo unha aprendizaxe moi completa da importancia de cada unha delas no proceso de ensinanza de calquera lingua estranxeira, e das habilidades que se poden traballar en cada unha, nas que se abre un amplo abanico de posibilidades. Nnun primeiro momento, para familiarizarnos co vocabulario que iamos tratar con frecuencia ao longo da unidade, tras unha breve explicación, reunímonos por grupos en salas externas para elaborar breves definicións deses termos frecuentes. Para iso contamos coa presentación, que nos serviu de documentación para poder elaborar unha definición o máis exacta posible. No caso do meu grupo, redactamos a definición para o termo mediación, que sen dúbida ten unha gran presenza ao longo do tema 3. Ao rematar, colocamos as nosas definicións nun glosario de Moovi ddispoñible para que tódolos alumnos o puidésemos revisar en calquera momento en caso de dúbida, o cal me parece moi útil, xa que puidemos crear unha ferramenta de reforzo ao mesmo tempo que nos familiarizabamos co vocabulario do temario. No seguinte apartado comezamos a tratar as actividades de mediación oral e escrita, comezando cunha explicación teórica na que se destacou a importancia da mediación como unha destreza que debe ser incluída na lista das 4 destrezas traballadas habitualmente: comprensión oral e escrita e expresión oral e escrita. Desde esta nova perspectiva, a mediación parte dende un enfoque orientado á acción, no que o alumno, a través da habilitación ou facilitación do proceso de comunicación para outra persoa, está traballando as súas propias habilidades na lingua estranxeira en cuestión. Trátase dunha cuestión, sen dúbida, moi interesante e enriquecedora, xa que respalda esa visión máis activa do traballo e do papel do alumno na aula e abre moito as posibilidades de participación na aula e de dinamización do traballo na mesma. De feito, este é un tema do que se vén falando dende hai un tempo polos seus bos resultados, e cada vez existen máis plataformas que falan deste tipo de estratexias, como o Centro Virtual Cervantes: Así, para pór en práctica esta reflexión, pasamos a realizar, por parellas, a análise dunha serie de actividades reales de mediación, na que contestamos a preguntas sobre o alumnado ao que se dirixía, o nivel de dificultade, a especificidade do vocabulario utilizado...resultou moi útil para ver que este tipo de actividades poden adaptarse facilmente a todo tipo de entornos educativos e niveis de lingua. Tamén foi moi positivo recibir feedback dos resultados deste exercicio para coñecer o noso grado de coñecemento deste tipo de dinámicas. Para rematar de poñelo en práctica, por parellas deseñamos a nosa propia actividade de mediación para utilizala nunha aula. Esta actividade resultou moi útil para activar a nosa liña de pensamento cara o deseño de actividades que inclúan este tipo de dinámicas máis complexas e, sen dúbida, enriquecedoras, xa que a mediación permite unha retroalimentación de coñecementos entre os alumnos que fai que o traballo en equipo sexa realmente útil. Esta actividade tamén me resultou moi positiva porque fomos traballando gradualmente sobre esa mesma actividade deseñada para traballar outros aspectos do tema 3, polo que fomos vendo realmente a complexidade que conleva a consecución dunha única tarefa nunha aula real. Máis adiante, para as actividades de comprensión oral ou escrita, volvemos xuntarnos por parellas para polas en práctica tras a explicación teórica. Dispuxemos de máis tempo para deseñala e subila á plataforma, polo que iso nos deixou ser máis creativos e capaces de crear unha actividade máis complexa.
Por último, en canto ás actividades de expresión e interacción oral, revisamos de forma individual unha serie de actividades propostas para realizar na aula co obxectivo de traballa a expresión oral. Logo, por grupos, fomos comentando aquelas estratexias que nos pareceron máis positivas e interesantes para aplicar na aula, polo que puidemos compartir cos compañeiros ideas e recibilas tamén deles e facer un pequeno mapa mental do que partir á hora de crear este tipo de exercicios nun futuro na nosa práctica docente. En xeral, a maneira de desenvolver cada unha das aprendizaxes deste tema pareceume moi enriquecedora, xa que fomos gradualmente pondo en práctica cada un dos bloques da unidade, aplicándoos tamén nun mesmo exercicio que tamén nos serviría, posteriormente, para a súa evaluación cunha rúbrica deseñada por nós mesmos. Como comentaba anteriormente, ao mesmo tempo que trabalamos e retivemos as explicacións teóricas, estas actividades foron moi prácticas para ver a verdadeira complexidade de cada actividade e proxecto levado a cabo na aula de linguas estranxeiras, e para observar tamén que se poden combinar varias estratexias e traballar as distintas destrezas dunha forma máis dinámica.

Comentarios

Entradas populares de este blog

TEMA 11: A avaliación na aula de linguas estranxeiras

Benvidos de novo! Hoxe quero compartir convosco o aprendido na unidade 11 da materia Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Nela, os obxectivos primordiais consistiron en comprender mellor o funcionamento e as metas da avaliación inicial, formativa e final, así como saber identificar de maneira satisfactoria unha rúbrica e poder poñela en práctica aplicándoa ao noso exercicio previo de mediación lingüística, para que nos servise de exemplo. Comezamos a introdución neste tema cunha breve reflexión sobre o que é a avaliación e a súa relación con procesos como as calificacións, as temáticas, o ritmo, o material de repaso, cambios metodolóxicos ou de materiais...ademais, moitos compañeiros suxeriron que a avaliación pode ser unha ferramenta moi útil para ter unha idea aproximada do nivel que tén un grupo ao principio do curso, para saber se a metodoloxía que se está a aplicar na aula é a máis axeitada, para obter información sobre aqueles aspectos do temario que resultan problem...