Ir al contenido principal

TEMA 3: O aspecto sociocultural na ensinanza de linguas estranxeiras

"Tódolos británicos almorzan ovos fritos, bacon e salchichas polas mañás". ¿A quen non lle repetiron este cliché unha e outra vez nas clases de inglés do colexio? O certo é que durante a infancia e inicio da adolescencia, os alumnos son bombardeados por estereotipos das culturas que lle son máis próximas, non só na educación formal, senón tamén en contextos informais como ver unha película na casa ou comentar a última serie de Netflix cos amigos. Na primaria e secundaria, os libros de texto de linguas estranxeiras estaban plagados de imaxes do English breakfast no caso do inglés, e do típico xersei a raias brancas e negras cun pano roxo e unha baguete debaixo do brazo no caso do francés.
Con todo, aínda que na maioría dos casos se trata de clichés inofensivos e que desaparecen a medida que os alumnos aprenden máis sobre a cultura do idioma en cuestión, hai certas cuestións que acaban asimilándose de maneira inconsciente e que nos impiden ter unha visión obxectiva das culturas que nos rodean. Por iso, é crucial darlle a importancia que se merece ao aspecto sociocultural da lingua que se está a ensinar. Nesta liña resulta interesante observar a distinción elaborada por J. van Ek, que distinguiu entre competencia sociolingüística, competencia sociocultural e competencia social. Así, partindo deste elementos elaborou un modelo para establecer de maneira máis específica os obxectivos a alcanzar na ensinanza de linguas estranxeiras. Según se recolle no Centro Virtual Cervantes, van Ek defende "a necesidade de que o currículo da ensinanza de segundas linguas recolla a capacidade do estudante de recoñecer a validez de outras formas de instaurar, categorizar e expresar a experiencia, e outras formas de levar a cabo a interacción entre as persoas". Así, estas formas afectarían a tres compoñentes da lingua: -Elementos léxicos para os que non hai equivalente semántico na propia lingua -Elementos léxicos en risco de que o seu sentido sexa transferido erroneamente ao propio contexto sociocultural -Medios non verbais de expresión (lingua non verbal) O que propón este autor é darlle máis importancia a aspectos cotiáns que se producen na cultura da lingua que se está a ensinar, é dicir, na interacción social, que é onde nacen, viven e se desenvolven tódalas linguas. Esta interacción está fortemente influenciada polos rasgos desa cultura, rasgos que os seus membros perpetúan entre eles para encaixar dentro da súa propia comunidade e porque é unha característica propia da súa identidade. Esta cuestión é moitas veces olvidada cando se da por feito a globalización actual no mundo, que é obvia, mais tamén serve para destacar as diferenzas entre culturas. Deste esta perspectiva, polo tanto, sería interesante ofrecer aos alumnos un coñecemento máis variado dos distintos rexistros nos que se poden comunicar noutras linguas, sobre todo a maneira de comunicarse da súa xeración noutras culturas. É certo que saber expresarse no ámbito formal académico é un elemento primordial no dominio dunha lingua estranxeira, mais é necesario tamén ter en conta o contexto actual. Grazas á inmediatez da que dispoñen os alumnos con plataformas como as redes sociais, ábrese un gran abanico de maneiras de desenvolver a súa fluidez no idioma, e por iso é moi importante que tamén se lles ensine a comunicarse en diferentes contextos, sobre todo no informal, no que non só teñen máis liberdade para expresarse tal e como son, senón que é o contexto no que máis carga cultural terá a súa interacción.Por exemplo, os proxectos bilingües nalgúns colexios incluíron plans como a comunicación periódica entre os seus alumnos e alumnos nativos de deiferentes países anglófonos para promover este tipo de interaccións tan enriquecedoras. Por outro lado, tamén é moi necesario acabar coa reducida perspectiva que adoitan ter os alumnos sobre a cultura anglófona. En moitos sistemas educativos, a repetitiva asociación do inglés británico ao inglés máis puro e correcto resulta ser unha visión moi limitada da realidade, e que no futuro pode dar lugar, como mínimo, a numerosos shocks culturais.De novo é necesario ter en conta a globalización, responsable de que os estudantes estén cada vez máis expostos a diferentes maneiras de falar e de entender o inglés, dende a cultura estadounidense presente na maioría de productos audiovisuais que consumen ata a infinita variedade de acentos dentro da propia Gran Bretaña. Así, como ocorre con tódalas linguas do mundo, cada unha conta cunha variedade inxente de culturas que a comparten e que teñen maneiras moi diferentes de utilizala para expresarse a través delas. O problema chega cando se olvida un dos aspectos fundamentais da lingua á hora de ensinala nas aulas, e é que se trata da ferramenta máis importante que teñen as comunidades para expresar a súa identidade. Poden, incluso, ser o medio de expresión da identidade de cada persoa, pois todos temos un idiolecto único e irrepetible. En conclusión, se queremos que nas aulas se fomente realmente a conciencia cultural e cívica a través da aprendizaxe das linguas estranxeiras, é necesario impulsar unha visión moito máis heteroxénea das culturas que dan vida a esas linguas,e por suposto, dar as ferramentas necesarias para que os alumnos poidan adaptarse aos contextos nos que estas se usan.

Comentarios

Entradas populares de este blog

TEMA 11: A avaliación na aula de linguas estranxeiras

Benvidos de novo! Hoxe quero compartir convosco o aprendido na unidade 11 da materia Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Nela, os obxectivos primordiais consistiron en comprender mellor o funcionamento e as metas da avaliación inicial, formativa e final, así como saber identificar de maneira satisfactoria unha rúbrica e poder poñela en práctica aplicándoa ao noso exercicio previo de mediación lingüística, para que nos servise de exemplo. Comezamos a introdución neste tema cunha breve reflexión sobre o que é a avaliación e a súa relación con procesos como as calificacións, as temáticas, o ritmo, o material de repaso, cambios metodolóxicos ou de materiais...ademais, moitos compañeiros suxeriron que a avaliación pode ser unha ferramenta moi útil para ter unha idea aproximada do nivel que tén un grupo ao principio do curso, para saber se a metodoloxía que se está a aplicar na aula é a máis axeitada, para obter información sobre aqueles aspectos do temario que resultan problem...